Pasou máis de século e medio desde que Rosalía escribira o fermoso e profundo poema das Campanas de Bastavales publicado en Cantares Gallegos o 17 de Maio de 1863, data indubidable do Rexurdimento das nosas Letras.

ROSALÍA EN BASTAVALES é unha visita teatralizada realizada por Os Quinquilláns-Teatro ex profeso para o Concello de Brión co obxectivo de divulgar a obra Rosaliana e gozar dun conxunto histórico, arquitectónico e paisaxístico difícil de esquecer. Unha montaxe feita para o lugar e o personaxe, na que o público participa activamente das emocións e reivindicacións rosalianas.
Rosalía de Castro, unha escritora de todo tempo e lugar que nos enfronta á nosa identidade e nos define como pobo. A que falou e fala por nós.