Os Quinquilláns presentamos, neste espectáculo teatral de pequeno formato, unha divertida obra con dous actores onde se debate sobre a orixe do sal na auga do mar.
O guión está pensado para fomentar a consulta e lectura de bibliografía relacionada co tema, por eso, Os Quinquilláns, en colaboración co persoal encargado da xestión da biblioteca, organizaremos un expositor no que se disporán os fondos relacionados coas temáticas tratadas.
O argumento parte dun conto tradicional que trata de dar explicación á salinidade dos océanos e que ten versións en case todas as culturas do mundo, aínda que Os Quinquilláns facemos unha adaptación para cada función, con alusións á xeografía e medio natural da zona de representación e tamén referencias a libros dos fondos da biblioteca na que nos atopamos: xeografía, coñecemento do medio, ecoloxía, ciencia, bioloxía, historia natural, experimentos científicos, patrimonio oral, tradición, mediciña natural..
Sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, o espectáculo irá acompañado dun pequeno pasarrúas con bonecos inchables polas inmediacións da biblioteca, no que o público acompañará aos personaxes a unha “expedición aos fondos mariños” na que descubrirán como viven e se desenvolven especies coma a manta-raia, o cabaliño de mar, os peixes de cores…
Fotos cortesía da Biblioteca pública de Boiro e do Concello de Carnota.