Pasou máis de século e medio desde que Rosalía escribira o fermoso e profundo poema das Campanas de Bastavales publicado en Cantares Gallegos o 17 de Maio de 1863, data indubidable do Rexurdimento das nosas Letras.
Na memoria do pobo quedaron os versos para sempre e Rosalía pensa que xa é tempo de volver ao balcón da Amaía desde onde pode ver os lugares queridos; a eterna Compostela, o Ortoño da infancia, Os Anxos, Xinzo, o cemiterio de Adina, Padrón, a banda de Laíño e de Lestrobe, o Arretén onde a súa nai naceu… Grazas á inmortalidade provocada polo poema, Rosalía e o seu amigo Campaneiro de Bastavales acordan un encontro aberto á xente coa finalidade de gozar outra vez da poesía, da lingua e do lugar nunca esquecido.
ROSALÍA EN BASTAVALES é unha visita teatralizada realizada por Os Quinquilláns-Teatro ex profeso para o Concello de Brión co obxectivo de divulgar a obra Rosaliana e gozar dun conxunto histórico, arquitectónico e paisaxístico difícil de esquecer. Unha montaxe feita para o lugar e o personaxe, na que o público participa activamente das emocións e reivindicacións rosalianas.
Rosalía de Castro, unha escritora de todo tempo e lugar que nos enfronta á nosa identidade e nos define como pobo. A que falou e fala por nós.